martes, 19 de junio de 2012

Medios de Comunicación de Masas e Publicidade



O vídeo preséntanos unha secuencia protagonizada polo home sen careta, quen representa a un home libre, non atado á manipulación (dándolle este valor simbólico coa careta) que provocan os medios de comunicación. Este, intenta liberar e distraer a toda a xente da fila, quitándolles o que levan no carro, que é un xeito de representar a información; pero a xente segue sen distraerse e continúan seguindo ó paiaso, personaxe que representa ao medio de comunicación. 
Toda a secuencia está ambientada nun deserto, no que se atopa o home non manipulado, xa que o resto da sociedade está atrapada nesa fila da manipulación e os medios de comunicación, que non deixan lugar á propia opinión. Finalmente, toda a xente que estaba na fila desvanece polo exceso de información, como se o seu cerebro xa cumprise a súa función de ser absorbido. O home solitario é ``capturado´´ para unha nova xeración de xente que obterá exceso de información.

A televisión

Este vídeo ten un claro obxetivo: amosarnos o que provoca a televisión en nós mesmos.
Na primeira escena aparecen dous aparatos, un é unha pantalla de televesión e o outro é un robot dotado dunha cara humana, a cal carece de beleza. Ésta ao ver o estereotipo que se mostra na televesión, comeza a imitalo, seguramente por desexo. 
Pouco a pouco o rostro do robot vaise parecendo ao da televisión, mais nunca consegue acadalo totalmente xa que ambos aparatos rompen. Por iso, a imaxe da televisión rota quere darnos a entender que, sen alguén que vexa eses modelos de estética tan artificiais, a televisión sería inútil e non funcionaría, porque se houbese xente de pouca beleza dentro dela, poucos serían os  espectadores.

A última televisión que se ve intenta darnos a entender que, xa que dentro dela se ve a alguén imitando a outra televisión, nos somos como o propio robot, estamos a facer o mesmo, imitando estes modelos de beleza.

Deste xeito deberiamos comprender a moralexa do vídeo: os ideais de estética implantados no mundo da comunicación son "irreais", produto moitas veces de operacións (exemplo disto é o vídeo).

sábado, 16 de junio de 2012

Programación Javascript - HTML

A miña puntuación do Codecademy

Mapa Conceptual para completar II

Unha teoría científica é un conxunto de conceptos, incluíndo abstraccións de fenómenos que se poden observar e propiedades que se poden cuantificar, xunto con regras, que expresan as relacións entre as observacións deses conceptos.
Para entender mellor: proponse como un principio ou conxunto de principios que tratan de explicar a realidade.

A maioría das teorías científicas compóñense do modelo teórico e da hipótese teórica. O modelo teórico é un sistema real formado por conceptos e leis teóricas que permiten facer prediccións bastante xerais, xa que os enunciados máis limitados establécense na teoría. Sen embargo, a hipótese teórica é outro método que se utiliza para verificar que a teoría se comporte como o modelo que a representa, é dicir, que sirva para facer deduccións moito máis concretas e profundas da realidade.
Esa realidade é máis ca simple integración das partes; trátase de comprendelo como un todo inseparable, resultado das interrelacións entre os elementos, relacións e propiedades do que nos rodea, os cales na súa integración condicionan o proceso da formulación da teoría científica

Mapa conceptual sobre a Ciencia


A ciencia é unha forma de coñecemento. O que os científicos fan cando elaboran ciencia é unha actividade que consiste en producir, usar e modificar modelos que describen e explican a realidade para tratar de resolcer problemas, de comprender e explicar os fenómenos que observamos.

O coñecemento científico é racional, en primeiro lugar polo seu carácter sistemático e en segundo lugar porque as súas teorías ou modelos han de ser xustificadas. Isto quere dicir que ademais de seren coherentes entre si, teñen que poder superar con éxito duras probas de contrastación ou comprobación para seren aceptadas.

Por estar xustificado mediante duras probas de contrastación, o coñecemento científico preséntase como obxectivo, é dicir, coa pretensión de representar de forma adecuada o mundo natural ou social.

O coñecemento científico é un coñecemento perfectible, revisable, autocorrectivo e autocrítico. Dentro das finalidades que se propón, é a mellor forma de coñecemento que nun momento dado se posúe.

Falamos de ciencia, pero en realidade non existe unha soa ciencia senón varias: En primeiro lugar hai unha diferenza entre as ciencias formais e as ciencias experimentais. As formais (matemáticas e lóxica) non tratan de feitos, non nos din nada sobre o mundo real. Tratan de signos baleiros de contido semántico e das súas relacións sintácticas ou operacións entre eles. O método propio destas ciencias é o método axiomático-deductivo. A garantía de verdade das súas afirmacións e xustificación racional depende da coherencia formal, e non precisan, polo mesmo, de contrastación empírica.

As ciencias experimentais, en cambio, á parte de ter que cumprir os requisitos formais de coherencia, por trataren de representar a realidade natural ou social-humana, rpecisan -como condición necesaria para a súa xustificación racional- da comprobación empírica, é dicir, da contrastación das súas afirmacións cos feitos, é dicir, de contrastación empírica.
E dentro das ciencias experimentais ou empíricas tamén se fai a distinción entre as ciencias naturais, que teñen por obxecto os fenómenos naturais, e as ciencias sociais ou humanas, o obxecto das cales son os seres humanos e os seus produtos culturais.

viernes, 15 de junio de 2012

Mapa Conceptual para completar


O proceso que executamos no momento da percepción denomínase intuición. A intuición é a operación do coñecemento que permite a captación inmediata de algo. Non é un proceso mediado pola reflexión, e por iso nel non podemos distinguir fases. Mais si podemos distinguir dous tipos de intuición dependendo de como se nos dean os datos que van ser captados.

a) Os datos danse simultaneamente ao proceso de captación polos sentidos e proveñen do mundo exterior ao suxeito, isto é, dun obxecto “transcendente”. O resultado deste proceso é a percepción.
b) Os datos sensibles extráense de experiencias previas, é dicir, son inmanentes ao propio suxeito, ou son recreados polo propio suxeito. Os primeiros proveñen da memoria lembrando experiencias previas e os segundos da imaxinación.

Ademais dos esquemas que subministra a experiencia individual, o ser humano posúe, pola súa característica de ser cultural, uns coñecementos compartidos co resto dos seres humanos e que se transmiten na aprendizaxe por medio da linguaxe.

O coñecemento non remata coa percepción, nin tan sequera no recordo ou imaxinación. En realidade, non dicimos que coñecemos o que é un obxecto só porque viramos un, senón que queremos dicir que podemos identificar outros obxectos semellantes a el como pertencentes á mesma clase. O coñecemento, neste último sentido, precisa de algo máis ca unha simple percepción, precisa unha síntese de percepcións distintas baixo un denominador común, que é o concepto. Este vén sendo, xa que logo, o conxunto de trazos característicos cos que asimilo as percepcións particulares. Estes conceptos que se forman a través da síntese da miña experiencia son usados pola razón para codificar para min o mundo, e cada nova experiencia tratará de axustarse a eles. Os conceptos ordénanse na nosa mente dun modo xerárquico, formando un sistema de relacións mutuas de tal xeito que a memoria pode recuperar parte do noso coñecemento no momento preciso. Os coñecementos que non se atopan “ben ordeados” son facilmente esquecibles ou recuperables unicamente de xeito casual e non producen coñecemento verdadeiramente operativo.

Unha parte da información obtémola por inspección observacional a través dos sentidos, a este tipo de coñecemento chamámoslle coñecemento directo. Grazas a que somos capaces de organizar a información en conceptos e proposicións, mediante a linguaxe podemos pensar, imaxinar e describir modelos posibles sobre a realidade. Así grazas ao razoamento inferencial podemos construír nova información sobre o mundo. A este tipo de coñecemento chamámoslle indirecto ou inferencial.